A torre do Castro ou a torre de Sandiás


A torre do Castro, construída no século XII, é un dos monumentos máis emblemáticos da Limia.

A torre de Sandiás foi unha das moitas fortalezas galegas que foron derrubadas durante a Revolta Irmandiña de 1467. Nesta revolta as xentes das vilas e aldeas rebeláronse contra os ¨moitos agravios, danos e males¨ que recibían desde as fortalezas (¨refuxio de malfeitores¨) dos señores, cabaleiros e prelados. Para iso, organizáronse en irmandades leais ó rei comandadas por fidalgos (Diego de Lemos, Pedro de Osorio, etc..) , uníndose na primavera de 1467 nunha gran insurrección xusticeira que ía derrubar a maior parte dos castelos e torres que había en Galicia e que obrigará a parte da nobreza a fuxir cara a Portugal ou Castela (a primeira das fortalezas derrubadas vai ser o Castelo Ramiro, preto de Ourense, da que se teñen novas do seu derrocamento o 25 de abril de 1467). Na primavera de 1469 a nobreza contraatacou, venceu ós irmandiños, e fixolles reconstruír algunhas das fortalezas ós mesmos vasalos que as derrubaran.

Imos aproveitar esta celebración para dar a coñecer e a difundir, mediante o breve artigo que segue, a historia dun dos monumentos mais emblemáticos e coñecidos do concello de Sandiás: a súa torre.

A torre do Castro, como é coñecida polos veciños de Sandiás, foi construída sobre un antigo castro que ocupaba unha situación estratéxica que lle permitía un control total do territorio. A súa fundación aparece envolta en varias lendas relacionadas, incluso, con Bernardo do Carpio (século IX), aínda que o máis seguro é que fora construída na primeira metade do século XII.

Participou nas guerras fronteirizas pola posesión do condado da Limia, entre o monarca Afonso VII de Castela e León e Afonso Henriques de Portugal, o futuro Afonso I de Portugal. No ano 1386 foi asaltada polo duque de Lancaster, pretendente á coroa de Castela. No século XV vai ser posesión de Alonso Pimentel, o conde de Benavente, punta de lanza da nobreza de Castela en Galicia que tamén vai se-lo señor da vila de Allariz, preto de Sandiás.

Durante a revolta antiseñorial da primavera de 1467 vai ser derrubada polos irmandiños que estaban a asediar o castelo de Allariz. A partir deste momento non sabemos se foi reconstruída ou non, posto que algún autor opina que xamais se reconstruíu, mentres que a maioría deles opina que foi reconstruída polos Pimentel despois de 1469. Algún destes autores chegan a opinar que foi destruído polo famoso Pedro Madruga nas loitas sucesorias (1474-1479) entre os partidarios da irmá do rei (entre eles os Pimentel), a futura raíña Isabel a Católica, e os da filla do rei, Xoana a Beltranexa (apoiada por Pedro Madruga).

Na guerra hispano-lusitana do século XVIII foi punto de concentración de tropas para a súa posterior distribución a diferentes puntos da fronteira durante un episodio da Guerra de Sucesión Española (1704-1715).

Foi posesión das máis poderosas familias da provincia. Hoxe só queda parte da torre da homenaxe, na que se poden admira-los seus grosos muros. Constaba, ademais de soto, de 3 pisos e terraza superior. Ó seu pé pódese admirar unha extraordinaria panorámica da desecada lagoa de Antela e da Limia.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)