#Memoriarural Ano 1945: Posta en marcha da fábrica de gasosas Berardo Méndez (Sandiás, Ourense)

 

Ano 1947: Recibo da contribución industrial da fábrica de gasosas de Berardo Méndez 

Fundada por Berardo Méndez Fernández en Sandiás (A Limia - Ourense) o 28 de xaneiro de 1945, tal e como figura no Rexistro  de Liquidacións de Altas de Industria da provincia de Ourense. Nun principio ademais das gasosas, tiña venda de viño, que traia da zona de Monterrei. Máis tarde, dedicaríase tamén á distribución de bebidas (as augas minerais (Cabreiroá, ...), a cervexa (El León), as bebidas refrescantes (Coca-Cola, Fanta,...), etc.).

A súa área de reparto era a contorna inmediata na comarca da Limia, destacando os concellos de Xinzo de Limia (sobre todo a vila de Xinzo), Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira e Os Blancos. E no concello de Bande, A Feira Nova (A Ponte Liñares). Servindo tamén bebidas nas feiras e nas festas de moitas das parroquias da Limia. Dende os primeiros anos tiña dous camións para o reparto, un Delahaye e un Renault, ós que se lle iba cambiando as pezas e incluso o motor para prolongarlle a vida útil. Máis tarde, nos anos 60, comprouse un novo camión, un Ebro C-502, para substituír o camión máis vello.

Nos anos 60 modernizouse a fábrica de gasosas coa adquisición dunha rotativa e unha taponadora automática. Así mesmo, neses anos deseñouse unha botella cuns motivos moi ourensáns: a roda de afiar.  Tal e como me comentou o meu tío, Manuel Méndez, fixo el mesmo un borrador do deseño aproveitando que estaba estudando enxeñaría industrial. 

A principios dos anos 70 vendéuselle ós irmáns Fernández Jardón, emigrantes retornados, orixinarios do Barrio (Vilar de Santos), que viñan do Canadá, que lle puxeron o nome comercial de ¨La Sandianesa¨. Máis adiante, dos tres irmáns quedouse con ela, un deles, José Fernández. 

Os poucos documentos que quedaban sobre a fábrica antes da súa venda (recibos da contribución industrial, libro da conta corrente de sacarina (1949-1970), os seguros dos camións, libro de envases do ano 1966, etc.) foron depositados para a súa salvagarda no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"