Historia de Sandiás (Web de cultura popular do concello de Sandiás)

Os primeiros sinais de poboación destas terras sitúannos nos poboados lacustres da lagoa de Antela, que foron estudiados polo investigador Conde-Valvís nos anos 50. Conde-Valvís fálanos dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56, e 36 habitacións respectivamente cada un, coñecidas popularmente como ¨cortellos¨, que nos demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estos poboados estarían situados no espacio que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles frente a Zadagós e a Cardeita).

Máis tarde, na Idade dos Metais, os poboados castrexos asentaríanse nos montes do Castro, preto de Sandiás, e no monte Pendón preto de Piñeira de Arcos.Na romanización atravesaba o concello a Vía XVIII ou Vía Nova, unha das vías romanas de máis importancia do noroeste da península que unía as cidades de Bracara (Braga) e Asturica (Astorga), as cidades máis populosas do noroeste da Hispania.

Do paso desta vía quédannos os miliarios de Vilariño das Poldras e de Zadagós. O Itinerario de Antonino do século III fai mención da mansión Geminas, parada de postas e hospedaxe, que se situaría no actual Sandiás.
A proba da gran romanización da Limia sería a canalización da lagoa de Antela, a través dun emisario principal e dunha tupida rede de pequenas canalizacións das que aínda se poden observar os restos en forma de U na área recreativa da canle da lagoa.
Da invasión dos suevos e dos pobos xermánicos somentes quedan lembranzas na toponimia como no caso de Sandiás, un topónimo derivado dos invasores –vén do xermánico Sánd-ila– que significa ¨verdadeiro¨.

Na Idade Media son continuas as loitas entre Afonso VII de Castela e León e Afonso I de Portugal pola posesión do condado da Limia. Será seguramente no contexto das loitas fronteirizas do século XII cando se constrúa o castelo do Castro sobre o predio do antigo castro. Este castelo participou nas loitas pola separación de Portugal, nas continuas liortas nobiliarias, e o levantamento Irmandiño. Boa parte da súa función refiríase ó control dos viaxeiros e mercadorías da encrucillada de camiños que era a Limia Alta.

Atravesaba o concello a Vía da Prata empregada polos peregrinos do sur de España e os procedentes do Camiño Portugués de Chaves e Vilareal.

Na Idade Moderna sufriu, coma toda a zona fronteiriza, as consecuencias das loitas con Portugal, e tivo que soportar as levas forzosas de homes para a guerra e contribuír ó sostemento das tropas na raia.

A finais do século XVII e no XVIII os fidalgos escomezan a construir e a remodelar, a maioría dos pazos e casas grandes (O Penedo, O Telleiro, O Espido,..). Os fidalgos, xunto co clero, desempeñaron un papel fundamental na sociedade campesiña galega dende comezos no século XVI ata o século XIX.

No século XVIII, a economía baseábase na agricultura. Tendo grande importancia o cultivo do liño que constitúe a base dunha importante industria textil artesá, formada por 54 tecedeiras e 7 xastres segundo o Catastro de Ensenada, que lles reportaba importantes ingresos ás familias labregas, non obstante, a introducción dos novos tecidos de algodón reduciu esta producción ó autoconsumo.

O señorio de Sandiás tivo numerosas trasmisións destacando como posesión do conde de Benavente, avanzada da nobreza castelá sobre Galicia. Piñeira de Arcos foi sometida a xurisdicción do conde de Maceda e Zadagós era xurisdicción do bispo de Valladolid.No primeiro tercio do século XX, tiveron unha forte implantación no concello o agrarismo e as ideas republicanas.

Xa na dictadura o feito máis salientable foi o desecamento da lagoa de Antela a partir da Lei de 27 de decembro de 1956, que supuxo unha das poucas actuacións de ordenamento agrícola do franquismo en Galicia, ademais dunha transformación radical na fisonomía do territorio e nas súas condicións ambientais.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)