A historia da lagoa de Antela a través da Casa da Lagoa

Casa da Lagoa de Antela (Sandiás)

Á hora de diferenciarse dos concellos da nosa provincia, o Concello de Sandiás optou pola creación dun produto turístico que ten como fio condutor a historia da lagoa de Antela.


Obviamente, a lagoa de Antela deixou de existir hai bastante tempo, mais para dala a coñecer botamos man da interpretación. A interpretación é a ferramenta de que dispomos para facer accesible intelectualmente un ben a un visitante, que moi probablemente non teña as claves suficientes para poder gozar daquilo que está contemplando.

Para iso, no centro da vila de Sandiás desde xuño de 2008, no que era a antiga marxe noroeste da Lagoa de Antela, unha antiga casa labrega acolle o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela. O Concello de Sandiás púxoo en marcha tras ser aprobada unha iniciativa Leader II Val da Limia, coa que se buscaba “dinamizar os núcleos rurais con propostas culturais dun claro interese turístico”. Son cinco salas de exposición máis outras cos servizos habituais nos centros de interpretación (proxeccións, salas de xogos, etc.) nas que se “pretende amosar ós visitantes os cambios acontecidos na comarca da Limia a través dun percorrido pola Lagoa de Antela, a recuperación das areeiras abandonadas, o patrimonio inmaterial e a etnografía”.
Primeiramente visualizase un documental dividido en tres partes: 1. A Lagoa de Antela (Formación, desecación, etc.), 2. Patrimonio histórico-artístico da zona, 3. As areeiras (proceso de recuperación medioambiental das areeiras abandonadas despois da extracción de áridos, etc.).

Logo ofréceselle ós visitantes unha visita didáctica a través das diferentes salas do centro onde se lle explican ós visitantes aspectos relacionados coa desecación da lagoa de Antela, a vida cotía na Limia antes do desecamento (etnografía: apeiros de labranza, o muíño e a forxa da casa), explicación sobre as lendas da lagoa de Antela, etc.).

Desde o punto de vista medio ambiental a visita ó centro queda incompleta sen visitar as Areeiras de Sandiás, que son explotacións de áridos abandonadas logo da extracción de area para uso comercial e recuperadas medioambientalmente por medios artificiais para a flora e a fauna, situadas aproximadamente a 5 Km da Casa da Lagoa. Nestas areeiras poden observar as aves a través de dous miradoiros de fauna instalados na zona.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)