¨Antioquia¨
“Contos populares da Terra: Antioquia”
- Laureano Prieto
(La Región, 03/09/1958).
"No lugar que oxe ocupa a lagoa de Antela houbo, n-outros tempos unha cidade chamada Antioquia. Era a meirande que se conecia e a máis rica. Pro a súa riqueza e o seu grandor foron a sua perda. Trocouse soberbia. Os seus veciños asoballaban ás xentes dos arredores e non tiñan caridade con ninguén.
Quixo Deus castigalos, mais Xesús propúxose salvar ós xustos que houbese. E veu á terra, e foi a Antioquia na figura dun esmolante e tentou a caridade dos antioquiaus. Percorreu a cidade enteira da primeira á últema casa pedindo esmola, e non achóu a ninguén que xiquera lle dixese: ¨Deus te axude¨. Postreiramente, cando xa marchaba co corazón atristurado, entre unhos carballos viu unha casarella ca porta suchouza e unha velliña, mui velliña, agarouchada a carón dun lumiño que máis afumaba qu-aquecía. Xesús arrimouse e pregou:
-Unha esmola pol-o amor de Deus.
-Pase quen sexa, dixo a velliña.
E Xesús pasou. E a velliña sentouno ó lume, e muxiu unha cabra que tiña e déulle unha cunca de leite e un anaco de bica. E dispoixas deitouno na súa camiña chea de farrapos que tiña nun canto da chouza. Elí durmiú Xesús e a vella pasou a noite á beira do lar tremendo co friu, pois a leñiña acabárase e o borrallo xa non quentaba.
Cando a alba do día espertou Xesús dixolle á velliña:
-Ven. Quero que olles o que foi de Antioquia.
E a Velliña quedou sorpresa cando viu que no lugar que ocupaba Antioquia estendíase unha lagoa que asulagaba o pobo. E naide se salvara fora da velliña, nin xente nin animais. E a velliña, tremando, demandoulle a Xesús:
-Pro… porque aconteceu isto con Antioquia…
-Po-los seus pecados, pol-as suas iniquidades.
En-aquel mesmo día se soubo a nova terrible por todal-as terras pois os paxaros que alí moraban fuxiron a outros lugares, e iban dicindo pol-o ar:
-Que se fonde Antioquia…que se fonde Antioquia…
E ainda está alí, asulagada, a cidade. Na mañanciña de San Xoán, cando o primeiro raio de sol relampra na lagoa, alá abaixo, mui fondo, albíscase o campanario da eirexa. E a noite do Natal, ás doce en punto, ouvense cantar os galos¨.
Comentarios
Publicar un comentario