Os máis de 400 anos do retablo de Santo Estevo de Sandiás (1607-2010)



O retablo de Sandiás realizouse entre os anos 1603 e 1607, é esta a data que podemos contemplar no alto do retablo e que apareceu durante as obras de restauración a que foi sometido hai uns poucos anos e nas que o retablo recuperou as súas antigas cores e as pinturas orixinais.

O retablo de Sandiás é uns dos poucos retablos tardomanieristas que chegou ata nós completo, seguindo un modelo de moda naquel momento imposto polo retablo do Escorial. Nel traballou Francisco de Moure*, un dos mellores artistas galegos do primeiro terzo do século XVII, sendo unha das obras mais importantes da primeira etapa deste escultor.


Consta dunhas imaxes dotadas dunha grande forza expresiva na que xa se adiviñan os innovadores aires do novo estilo que chegaría anos máis tarde a Galicia e que tería unha grande importancia na nosa arte: o barroco.

Consta de 2 corpos, 3 rúas e un ático. Destacan no primeiro corpo san Pedro e san Paulo e no segundo san Francisco, santo Estevo e san Lourenzo. De grande interese son o conxunto de pinturas manieristas localizadas na base do retablo (a Anunciación, a Visitación, os catro doutores da Igrexa, e varias santas (santa Bárbara, santa Lucia, santa Apolonia de Alexandría, santa Catalina de Alexandría)) realizadas por un pintor descoñecido, ademais de varias pinturas que saíron a luz despois de restaura-lo retablo.


*Francisco de Moure (1577-1636): escultor ourensán que facilitou o tránsito en Galicia do manierismo ó barroco. Naceu contra 1577 en Santiago de Compostela. Moi cedo trasladaríase a Ourense, onde descubriría por medio do seu avó materno, canteiro de profesión, a súa vocación artística. Viaxou a Castela, onde coñeceu os traballos de xente que deixarían unha fonda pegada nel, como Berruguete e Juan de Juni. En 1598 comeza a traballar como escultor independente. Nesta primeira etapa destaca o seu traballo no retablo maior de santo Estevo de Sandiás. Máis adiante realizaría a súa obra máis importante, o cadeirado do coro da catedral de Lugo (1621-1624). Ó rematar o coro lucense, contrátano en Monforte para a realización do retablo da capela maior da igrexa dos Xesuítas onde o sorprendeu a morte en 1636, polo que concluirá a obra o seu fillo Francisco.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)