O primeiro intento de desecamento da lagoa de Antela pola Academia de Agricultura do Reino de Galicia (1765)
Para os ilustrados do século XVIII, a agricultura é o mais sólido fundamento do progreso económico e social, por iso unha das súas principais preocupacións vai ser a mellora da agricultura. Os ilustrados analizaran continuamente a situación da agricultura galega, sobre todo os atrancos para o desenvolvemento desta. Proba desde interese vai ser a creación, en 1765, da Academia de Agricultura de Galicia na Coruña. O seu principal obxectivo vai ser ¨investiga-las causas da decadencia da agricultura nas sete provincias do reino de Galicia¨. Unha das principais preocupacións da ilustración é a recuperación para o labradío das terras improdutivas, polo que non podían pasarlles desapercibidas as terras da Limia, asolagadas pola lagoa de Antela. Lamentablemente, nesta iniciativa e noutras, a nobreza, que era a que tiña o dominio das terras, non tiña ningún interese en realizar cambios nin modernización ningunha, polo que a Academia tivo unha escasa repercusión, desaparecendo no ano 1774. Para coñecer algunha das causas pola que esta institución non tivo apenas repercusión, abóndanos con reproducir o que sobre ela escribiu o Padre Sarmiento:
¿Quen persuadirá ós labregos galegos que lles sexa útil unha Academia de Agricultura, fundada no lugar mais areoso, e estéril de Galicia, como é a Coruña; e onde os máis dos habitantes son homes de preitos, e de pluma; ou son de espada, e de milicia; ou son de bolsa, e de comercio; ou son unha tropa de estranxeiros acabados de chegar a Galicia, que nin saben unha verba nin un verbo da lingua galega, tan precisa para falar cos labregos galegos? ... que se poderá esperar deles, e dos éstranos, para a Agricultura, e Historia Natural de Galicia¨.
O principal animador desta foi o Intendente do Reino, marqués de Piedrabuena, e o seu principal impulsor, Xosé Cornide, secretario dela. Xosé Cornide foi unha figura imprescindible na ilustración en Galicia, a imaxe do ilustrado galego por excelencia.
Comentarios
Publicar un comentario