#Memoriarural Ano 1947: Fábrica de gasosas Berardo Méndez (Sandiás, Ourense)

 

Ano 1947: Recibo da contribución industrial da fábrica de gasosas de Berardo Méndez 

Fundada por Berardo Méndez Fernández en Sandiás (A Limia - Ourense) en datas posteriores ó fin da Guerra Civil (O primeiro recibo de contribución industrial que aparece é do ano 1947). Nun principio ademais das gasosas, tiña venda de viño, que traia da zona de Monterrei. Máis tarde, dedicaríase tamén á distribución de bebidas (as augas minerais (Cabreiroá, ...), a cervexa (El León), as bebidas refrescantes (Coca-Cola, Fanta,...), etc.).

A súa área de reparto era a contorna inmediata na comarca da Limia, destacando os concellos de Xinzo de Limia (sobre todo a vila de Xinzo), Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira e Os Blancos. E no concello de Bande, A Feira Nova (A Ponte Liñares). Servindo tamén bebidas nas feiras e nas festas de moitas das parroquias da Limia. Dende os primeiros anos tiña dous camións para o reparto, un Delahaye e un Renault, ós que se lle iba cambiando as pezas e incluso o motor para prolongarlle a vida útil. Máis tarde, nos anos 60, comprouse un novo camión, un Ebro C-502, para substituír o camión máis vello.

Nos anos 60 modernizouse a fábrica de gasosas coa adquisición dunha rotativa e unha taponadora automática. Así mesmo, neses anos deseñouse unha botella cuns motivos moi ourensáns: a roda de afiar.  Tal e como me comentou o meu tío, Manuel Méndez, fixo el mesmo un borrador do deseño aproveitando que estaba estudando enxeñaría industrial. 

A principios dos anos 70 vendéuselle ós irmáns Fernández Jardón, emigrantes retornados, orixinarios do Barrio (Vilar de Santos), que viñan do Canadá, que lle puxeron o nome comercial de ¨La Sandianesa¨. Máis adiante, dos tres irmáns quedouse con ela, un deles, José Fernández. 

Os poucos documentos que quedaban sobre a fábrica antes da súa venda (recibos da contribución industrial, libro da conta corrente de sacarina (1949-1970), os seguros dos camións, libro de envases do ano 1966, etc.) foron depositados para a súa salvagarda no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"