O número 6 da revista cultural e turística do Concello de Sandiás, A Torre do Castro en PDF (Ano 2012)
O número 6 da revista cultural e
turística do Concello
de Sandiás , A Torre do Castro, en PDF (Ano 2012):
Neste novo número,
como xa é habitual, botamos man de vellos artigos que falan da visión sobre a
lagoa de Antela de xornalistas dos anos 20 como o vigués Jaime Solá, fundador da revista Vida Gallega, e de
grandes persoeiros, como é o caso de Álvaro
Cunqueiro, que nos fala nun artigo, moi poético, dunha viaxe á Limia nos
anos 50. Así mesmo, continuamos coa segunda parte do artigo de Domingo Fontán de 1858, extraído do xornal
compostelán ¨La
Exposición Compostelana ¨, no que se nos trata un dos temas
máis en boga a finais do século XIX en Galicia: o desaugamento da lagoa de
Antela para o seu aproveitamento agrícola.
Noutro apartado de
cousas dedicamos un espazo á excursión realizada polos veciños de Sandiás a Sogama en
Cerceda (A Coruña), no que se lles mostrou o complexo proceso de procesamento
do lixo, afondando con iso na colaboración no servizo de recollida selectiva
como garantía para facilitar a reciclaxe. Repetimos, como xa é habitual, un
espazo ó deporte cunhas páxinas dedicadas á terceira edición da Carreira
Popular Torre do Castro, carreira que segue consolidándose a pesar da crise.
Rematamos este sexto
número, cunha mostra de vellas fotografías dos veciños do concello de Sandiás ,
neste caso xentileza da veciña de Sandiás, María Fe Fernández, que entran a
formar parte da galería de imaxes da memoria do noso concello.
Comentarios
Publicar un comentario