Os humidais en España

Areeira recuperada en Sandiás


En España no último medio século desapareceron máis do 50 % dos humidais que existían. A desecación dos terreos para cultivos agrícolas e a continua explotación foron algúns dos principais factores que causaron a degradación destes. Os humidais presentan condicións idóneas para que se asenten diferentes especies de animais, tanto vertebrados (anfibios,réptiles, peixes, mamíferos e, sobre todo, aves acuáticas), como invertebrados. De toda a fauna dos humidais son as aves as máis características. O 12 % das especies de aves mundialmente ameazadas dependen nalgunha fase da súa vida dos humidais e destas o 57 % habitan en lagos ou encoros, o 36 % en ríos e regatos e o resto en turbeiras, marismas e lagoas.

A Lagoa de Antela

Na comarca da Limia existiu ata hai unhas décadas a lagoa de Antela, unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica, tanto pola súa extensión –arredor dos 42 km cadrados –como pola súa riqueza: arqueolóxica, paisaxística, histórica, toponímica, etc., e a súa flora, fauna e folclore característicos. Un índice da súa importancia excepcional eran o miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano. Acerca dela contábanse infinidade de lendas, entre as máis fermosas estaba a da cidade de Antioquía, asolagada en castigo por idolatra-lo galo, e a dos ameazadores mosquitos cínifes, que eran o rei Artús e os seus soldados que estaban enmeigados naquela veiga.

Logo de innumerables intentos de desaugamento, en 1956 declarouse por Lei de 27 de decembro de alto interese nacional a colonización e saneamento da lagoa de Antela, o que provocaría a destrución do humidal e a súa transformación en terreos de labradío. O día 8 de setembro de 1958 deron comezo as obras iniciadas co encauzamento de 6,6 km do río Limia, que se continuarían con 7,5 km do emisario da lagoa, e a partir de 1962, coa construción de 10km canles-dren no interior desta, para logo continuar coa construción dos desaugues terciarios, camiños, etc., ata a entrega das parcelas ós colonos a principios dos anos 70.
Artigo extraido do númeo 2 da revista cultural e turística do concello de Sandiás ¨A Torre do Castro¨

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)