Alumnos da Universidade de Vigo coñecerán en Sandiás a historia da lagoa de Antela

Vista aérea da lagoa de Antela antes do seu desecamento


Autocolante da Casa da Lagoa de Antela co eslogan ¨Vennos descubrir¨

Un total de 150 alumnos do Campus de Ourense visitarán a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela) e as areeiras recuperadas no concello de Sandiás.

Un primeiro grupo composto por 50 alumnos da Universidade de Vigo visitará as instalacións da Casa da Lagoa en Sandiás o vindeiro sábado 10 de abril, máis adiante o resto dos alumnos visitarana en maio, onde coñecerán de primeira man a historia do desecamento, o antes e o despois, dunha das lagoas máis grandes do sur de Europa.

A Casa da Lagoa de Antela, situada no centro da vila de Sandiás, no que era a antiga marxe noroeste da Lagoa de Antela, é unha iniciativa do Concello de Sandiás posta en marcha tras ser aprobada unha iniciativa Leader II Val da Limia, coa que se buscaba “dinamiza-los núcleos rurais con propostas culturais dun claro interese turístico”. Son cinco salas de exposición máis outras cos servizos habituais nos centros de interpretación (proxeccións, salas de xogos, etc.) nas que se “pretende amosar ós visitantes os cambios acontecidos na comarca da Limia a través dun percorrido pola Lagoa de Antela, o seu desecamento a partir do comezo das obras no inverno de 1958, o posterior inicio da extracción de area, e recuperación das areeiras abandonadas, o patrimonio inmaterial e a etnografía”.

O obxectivo do centro de interpretación da lagoa de Antela é dinamizar ¨in situ¨ uns recursos naturais, culturais, monumentais, etc., polo que desde o punto de vista medioambiental a visita ó Centro queda incompleta sen visita-las areeiras de Sandiás, que son areeiras abandonadas recuperadas ambientalmente con medios artificiais para a flora e a fauna situadas a 4 km da Casa da Lagoa. Nestas areeiras os alumnos poderán observa-las aves a través de dous miradoiros de fauna instalados na zona, así como coñecer os procesos de recuperación postos en marcha para a recuperación dalgunha areeira abandonada logo da súa explotación.

O Concello de Sandiás é consciente de que o patrimonio rural galego (material e inmaterial) é un importante tesouro tanto para a nosa comunidade como un elemento básico de estabilidade social e un referente da nosa identidade, así como un valor engadido do noso territorio desde o punto de vista do desenvolvemento turístico, polo que é necesario pólo en valor a través de iniciativas que dean unha visibilidade ó noso patrimonio.

Dende o Concello de Sandiás crese que a visita ó Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, por parte dos alumnos da Universidade de Vigo, axudará a cumpri-los obxectivos de dinamización do noso rural, así como contribuirá a fomenta-lo coidado do medio ambiente e a gozar da paisaxe e do contacto coa natureza, así como coñecer e interpreta-lo noso patrimonio natural, histórico-artístico e etnográfico.

Desde a súa apertura en xuño de 2008 o centro foi visitado por numerosos alumnos dos colexios e institutos da provincia de Ourense, así como por grupos de alumnos das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela. As visitas á Casa da Lagoa son concertadas, calquera pode visita-lo centro, chamando ó Concello de Sandiás (teléfono 988 465 001) ou a traves da súa web: http://www.sandias.es/
Ligazóns da nova:
¨Centenar y medio de universitarios visitan el Centro de Interpretación da Lagoa de Antela¨(Ourense Dixital, 10 de abril de 2010)
¨Areneras con historia y encanto¨ (Faro de Vigo, 11 de abril de 2010)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"

#Memoriarural 1988: O 6 de febreiro de 1988, Centristas de Galicia aclamaba como líder único, o seu fundador, Victorino Núñez, no seu primeiro congreso constituinte no Monte Medo (Baños de Molgas)