¨Cousas da Limia"
Por Vicente Risco (Vida Gallega, xullo 1957)
Extraído da web de cultura popular do concello de Sandiás.
Tradución do orixinal en castelán.
O desecamento da lagoa de Antela, vella ilusión dos economistas do século XVIII, recollida despois polo Deán Bedoya e por outros, da actualidade a unha das comarcas máis definidas e
máis fermosas de Galicia.
Teño pasado longas tempadas á beira daquela gran chaira, na Pereira, parroquia de San Pedro de Sabariz, concello de Rairiz de Veiga –Rairiz, Sabariz, nomes xermánicos; predominio de cabeleiras loiras e ollos claros; afección a montar cabalos e eguas longas, de gran alzada: as bestas limiás. No período de entre guerras, aínda levaban os homes os seus chalecos con mangas, tecidos e feitos na casa, encarnados e rebereteados de trenzado negro, e os seus chapeus tecidos por eles en palla centea. Botabamos longas parolas nun comercio deses de todo, ó comezo da noite, polo tempo das mallas – facíanas a máquina, con máquina alugada, preparando antes a eira con bosta de vaca pisada con auga, que despois de seca, ten unhaconsistencia e unha lisura mellor que o cemento. O aproveitamento da bosta, actual aínda en Galicia e na India, debe ser unha das máis antigas tradicións indoxermánicas, porque éindubidable invento de pobos pastores, que conservaron ó fixarse na terra.
Nas horas de sol do centro do día, no silencio da aldea, oíase o ¨taca, taca¨ dos teares nascasas, emprazados en lugares escuros, alumeados por pequenas bufardas… Acaso non estea isto tan descamiñado: acaso se trate de concentrar a luz na obra que se está facendo…Tecíanse alí preciosas mantas de cama, ou colchas, moitas delas con motivos enteiramentepopulares. Claro que as anilinas do comercio xa substituirán ás ricas cores vexetais de antano.
As cores predominantes eran o vermello e o azul, de combinación difícil, mais víansealgunhas en branco e vermello, en azul e amarelo, algunha vez o verde. Nos debuxos, o tecido imponse á liña quebrada, de onde as cenefas de picos.
A Veiga, ou sexa a chaira, con moitas terras de pan –houbo quen chamou á Limia ¨o graneirode Galicia¨ –, prados intensamente verdes, rodeados de carballos cerqueiros, onde alternaban algunhas vacas marelas co gando negro, o ¨bos ibericus¨ de aquí, de Viana, de Caldelas; A Veiga está rodeada de montañas que azulean ó lonxe, cada vez con azul máis claro. Mirando o Sur, destacase no horizonte o cerro das doce: cando o sol está verticalmente por riba, é o mediodía; é un reloxo cósmico. Ó pe dos montes do primeiro termo está a torre de Porqueira… Dos castelos que exaltaron a Benito Vicetto, a don Benito Fernández Alonso e a outros: Sandiás, a Pena, Porqueira, non sobreviviron máis que as torres… Sentado ó pé da torre da Pena, vin voar sobre a miña cabeza unha garza real; sen dúbida traía algunha mensaxe da Idade Media, que quedou tan secreto dentro de min, que eu mesmo non me decatei. Aquela torre domina a beira sur da lagoa. Cando a lagoa sexa desecada –agora parece que vai de veras- botarémola de menos os románticos, os cazadores e as súas víctimas. As aves raras – alí foron cazados dous cisnes boreais, os cisnes de Apolo Hiperbóreo… Deben atoparse disecados na Universidade de Santiago – onde van atopar despois descanso? Mais o que non podemos esquecer é que Galicia ten alí a súa Atlántida: a cidade de Antioquía, asulagada baixo as augas… Todos alí oíron as súas campás e os seus galos, aínda que non queiran dicilo. Mais diso haberá que falar outra vez.
Comentarios
Publicar un comentario