O entroido en Sandiás

Por Carmen Cuquejo (www.culturapopulardesandias.com)

¨Antigoamente, o vir os días d´Entroido (domingo e martes) , faguíanse moi boas festas, con burros, carruaxes, fargalleiros, gitanas (imitación d´elas), etc…; faguían un entroido de palla e metíanlle unha buxuga d´o porco chea de sangue n´a barriga, y´o martes, o por do sol, tirábanlle tiros, hasta que sali´o sangre e cai´o entroido; todo ésto en medio de canterías, toque de latas, caldeiros, cucharas, chaves e cazolas, pandaretas, etc., agora ises festexos van desaparecedo y ecliusándose, e xa, únicamente, se ve unha carantoña que outra, ou catro rapaces que queren faguer que fan; pero desapareceu aquil humor dos vellos, armar disputas e parrafeos en verso, etc.¨

“Resume xeneral de folk-lore de Sandiás”
Urbano Santana
Revista Nós, xuño-setembro, 1931


O Entroido é unha festa de benvida á primavera, que comeza como esquecemento do inverno. Constitúe un culto á terra e a súa fertilidade. O longo dos séculos o Entroido constituíu unha importante manifestación cultural, popular e tradicional, con moito arraigo en Galicia. É esta unha festa de participación e trangresión a calquera da orde establecida (xerárquica, sexual, etc). As xentes pasan a ser os protagonistas da propia comunidade e dan paso á festa, ás mascaras, á sátira e ás bromas. É don Carnal quen reina en tódalas aldeas e vilas durante eses días en que todo esta permitido...

O ENTROIDO EN SANDIÁS

D. Urbano Santana, veciño de Sandiás, publicou no ano 1931 un artigo na revista Nós resaltando as boas festas que se facían en Sandiás o domingo e martes de Entroido, e xa lamentaba daquela a amenaza pola falla de continuidade e de participación na mesma. Foi quen de intuir o final dunha festa de carácter propio, en troques de que a xente vaia á vila ou quede na casa. Remontémonos pois un tempiño atrás para lembrar o que foi o Entroido neste concello:

O Entroido comezaba unha semana antes co domingo Corredoiro; denominábase así porque é o día en que se comezaba a correr o entroido. Con este "tiro de saída" abríanse as portas á troula e á festa.
Este día chamábase tamén Domingo das Chinas; o nome , que coincide co de outras zonas ven dado a que era costume que en lugares como Sandiás, Couso ou A Corga, rapaces e rapazas, mozos e mozas perseguíanse e loitaban, co fin de botarse cinsa uns ós outros. Búscase certo contacto amoroso, pois non debemos esquecer a latencia da fecundidade presente en todo o Entroido.

Era costume tiznarse a cara co "sarrio" que acumulaban as cazolas e as gramalleiras das lareiras, untar as mans no pote dos porcos para pasárllelas pola cara ós demais.
En Cerredelo, durante esa semana facíase baile ó son da pandeireta tódolos días, no fiadeiro (na casa do "Juanito") desde as 10 ata a 1 da mañá. Esa semana, igual que en Couso, aproveitábana as mulleres para preparar a roupa que logo ían lucir nos días de Entroido, e que se describirá máis adiante.
Non temos noticia doutros domingos intermedios, como por exemplo na veciña aldea de Laioso (Vilar de Santos) onde facían o Domingo Oleiro.

Coa festa diaria chegábase ós días propios do Entroido: domingo, luns e martes. Nestes días tranformábase por completo a vida tranquila dos veciños e veciñas. As bromas do Entroido teñen un senso simbólico moi profundo, que xa se puña de manifesto na Idade Media, cando o pobo se sublevaba contra das innovacións que quebrantaban o costume dos antergos. Esto pódese ver no que se llesfacía ós veciños que non participaban no Entroido ou que tiñan sona de ter mal caracter ( pendurarlle o meco na porta da casa, facerlle bromas, etc).

O elemento primordial do Entroido son as Carautas. As xentes vístense con roupas vellas, tapan a cara, trocan de sexo, imitan oficios, etc; dando un aspecto de teatro popular que se desenvolve no propio pobo, sendo os actores improvisados os propios veciños, invertíndose así os valores da vida cotiá.
Como en moitas localidades, en Sandiás eses días saían á rúa os Fargalleiros , noutros lugares chamados borralleiros ou felos ( de aí a expresión "vas feito un felo", asociándoo a algo feo e ridículo).

Son homes e mulleres vestidos con roupas vellas e rechamantes, trocando o sexo ( homes de mulleres e viceversa). Os fargalleiros saían á tardiña, ían en grupos, polos barrios do pobo, e visitaban as casas dos veciños; ían cantando e levando ledicia polas cociñas, onde se lles daba, en agradecemento pola visita, algo de comer: chourizos, talladas de porco, galletas, etc.
Os fargalleiros eran comúns a tódolos pobos do concello, e ían acompañados polas “xitanas”(imitacións de cíngaras),vellos e vellas e outras máscaras. Ás veces levaban a cara tapada con caretas feitas con cartón e pintadas por eles.
Variaban os percorridos, según as zonas e as parroquias, por exemplo:

Os de Sandiás: ían a Couso.
Os de Couso: ían a Vilariño, Vilar de Santos e Cerredelo.
Os de Cerredelo: ían a Laioso, Outeiro, Parada e Castelaus.
Os da Corga: ían ós pobos da Veiga.
Logo destas visitas facíase festa no pobo, os veciños/as convertíanse en “músicos e danzantes” e facían bailes ó son de pandeiretas e cánticos tradicionais. Os lugares variaban según os pobos,así por exemplo:

Sandiás: na estrada.
Couso: no forno ou na aira.
Cerredelo: no fiadeiro ou nas cortes.
A Corga: no forno ou na aira.
No tocante ás máscaras cabe facer unha mención especial en Couso e Cerredelo: dende o domingo de Corredoiro xuntábanse as mulleres durante toda a semana e preparaban a roupa que ían por no Entroido: levaban unhas enaguas brancas, adornadas con follas de hedra, e flores de papel de cores, unha blusa a que lle cosían flores e fitas de papel de cores, por riba puñan un dengue. Na cabeza levaban un sombreiro, unha pañoleta ou un gorro, adornado co mesmo.
Esta vestimenta lembra ás madamas, común a outras localidades de Galicia (Cobres, Entrimo, etc), pero non temos coñecemento da vestimenta dos homes, como posibles galáns.

Saían en comparsa o Domingo e o Martes, xunto coas outras máscaras e formando as chamadas “Arroufandas”. Cóntannos de Cerredelo que ían a “correr o Entroido” que consistía nun itinerario polos pobos lindantes (Laioso, Outeiro, Castelaus...) - ¡Aí ven a arroufanda! - berraban os veciños cando chegaban ós seus pobos e os recibían con bailes e pandeireta. Seguían o percorrido polos demais pobos, ata volver a Cerredelo, onde os demais xa estaban esperando; alí facían de novo festa, os outros marchaban e eles voltaban a facer o camiño.
Tamén quedaban no pobo e ían de casa en casa, recollimos esta anécdota en Cerredelo: A sra. Pepa e o sr. Francisco eran un matrimonio moi animado que se disfrazaba tódolos anos, con eles levaban unha boneca de trapo. El dicía: - ¡ven aquí bichuela mía! - e ela contestaba - ¡Voi esposo mío! -. Así ían polo pobo e a xente dáballes ovos e chourizos; despois xuntábanse todos no forno e comían todos xuntos.

O aspecto gastronómico está presente nesta festa de “excesos”, na que non falta comida e viño. Normalmente comíase na casa e en familia. O porco presidía tódalas mesas: cocido, cachucha, lacón con grelos, chourizos, pedro, etc. Acompañado por ricos postres: filloas, línguas de gato. Recollemos esta cantiga de despedida do entroido, que fai referencia ó periodo de Coresma:


“Adios martes de entroido,
adios meu entroidiño,
ata o domingo de Pascua
non comerei máis touciño”

Outra personaxe que non pode faltar no entroido é a figura do meco. Simboliza o Entroido aínda que tamén o frío, a neve e o inverno, e de ahí a queima. A morte ou queima do meco é o fin do Entroido.

Facíase en tódolos pobos do concello. Elabórase con palla , vestíase con roupa vella, destacándolle os atributos. Facíanno os rapaces ou a xente maior 15 días antes de Entroido (Sandiás) e colgábano nun pau nun cruce de camiños, ó remate do Entroido, queimábano. En Couso pendurábase o domingo de madrugada na praza e o martes íase con el dun lado para outro, para deixalo na aldea veciña (Vilariño). Tamén era usual deixarllo á porta dalgún veciño, con sona de mal carácter ou que non colaborase na festa.

Ó remate do Entroido facíase a queima do meco e a lectura do testamento, que consistía nunhas copliñas nas que se recollían os acontecementos destacados de todo o ano. En Couso facíao o alguacil, e na Corga un vello do lugar ó que acompañaban a outros pobos da Veiga para dicirllo, eles devolvíanlle unha réplica ( o que lembra na forma as “regueifas”) e de novo recibían resposta; tratábase de ser o derradeiro en dicilo para que os outros non o puideran replicar.

Estes son, fundamentalmente, os aspectos recollidos do Entroido en Sandiás; posiblemente, e apelando á memoria da xente , sairían moitas máis cousas. Maila todo, é lamentable que esto quede simplemente no recordo, que perdamos os vestixios que herdamos dos antergos, pero aínda que é lamentable non é irreversible: informando e estimulando á xente e implicando ós mozos/as a que recuperen o que é de seu.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

#Memoriarural Ano 1945: Posta en marcha da fábrica de gasosas Berardo Méndez (Sandiás, Ourense)

María Concepción Méndez Gándara, mestra en varias localidades da provincia e alcaldesa de Sandiás durante moitos anos, nova entrada do blog ¨Historia das nosas mulleres¨

¨Cousas da Limia"